Orfanato de instrumentos musicais

ORFANATO DE INSTRUMENTOS MUSICAIS

Se a túa guitarra, saxo, trompeta, percusión, etc, te miran con ollos lánguidos porque hai tempo que xa non os tocas, se mercaches un novo instrumento e o vello ten que soportar nun recuncho e cheo de celos como xa non o agarimas, se xa non tes un lugar axeitado para aloxalo na túa casa e o gardaches no faiado ou permanece colgado na parede, ignorado, triste e cheo de po… dálle unha mellor vida.
Na Universidade de Santiago de Compostela moitos e moitas artistas coma ti aínda lle poden achegar esa calor e ese agarimo que merece facéndoo soar. Sentirase activo, útil e agradecido.
Non o xubiles nin o deixes morrer de pena. Aínda hai unha segunda oportunidade para el.
Ah, e se túa nai xa non sabe onde colocar no salón ese amplificador que no seu día foi a meniña dos teus ollos, mándao, acollémolo tamén. Interésanos calquera dispositivo capaz de zumegar música por algún costado.
O equipo Canal Campus Lab, dependente da Área de Cultura, na súa vocación de darlles facilidades a artistas da comunidade universitaria da USC, xestiona dentro da Fonoteca dous espazos con equipamento para contribuír ó networking e alentar as carreiras musicais.
Seguro que aquí o teu vello instrumento terá outra vida en mans de persoas sensibles que o amarán, que o coidarán e que o farán soar día tras día.
Neste mundo de aloucado consumo as cousas que envellecen son substituídas sen piedade, desde Canal Campus Lab non queremos entrar nese xogo e por iso lanzamos este berro desesperado de racionalidade e ecoloxía en contra do malgasto, para ese instrumento que comeza a estorbar ou ten algunha discapacidade funcional que non lle permite brillar coma antes. Por que cambiar a algo novo se aínda podemos facer útil un sénior antes da súa xubilación definitiva?
Tráenolo aquí, nós adoptámolo con sumo gusto no Orfanato de Instrumentos Musicais,

Para pechar a adopción contacta co equipo de Canal Campus Lab:

E-mail: info@canalcampus.es

Asunto: Orfanato de Instrumentos Musicais

No corpo da mensaxe copia isto que vai a continuación e cubre os datos:

Nome do/a titor/a actual do instrumento:
E-mail:
Teléfono:
Instrumento/s que queres que adoptemos:
Estado do instrumento:
Observacións: