Facendo música con máis de 2.700 KM de por medio

cesga_pq_textoO Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, e a Universidade de Santiago de Compostela participaron nunha experiencia para facer posíbel un concerto a distancia cun mínimo de latencia. Santiago de Compostela, 10 de diciembre, 2014: Recentemente celebrouse a edición 25 das Xornadas Técnicas de RedIRIS, a rede académica e de investigación española que proporciona servizos avanzados de comunicación á comunidade científica. A cita foi no Complexo Cultural San Francisco, centro de congresos e exposicións da Deputación de Cáceres. Este centro, foi durante parte das xornadas o extremo dunha autoestrada de comunicación de máis de 2.700 quilómetros que conectou Cáceres directamente á cidade italiana de Trieste. A conexión entre unha e outra levouse a cabo ao abeiro do Relatorio sobre tecnoloxías de música en rede con demostración en vivo na que os intérpretes convocados puideron demostrar ou seu talento de forma conxunta. O recoñecido músico e compositor galego Pablo Novoa dende Cáceres e o violinista italiano Sebastiano Frattini dende Trieste, interpretaron dous coñecidos temas musicais: Sunny de Bobby Hebb, tema moi popular nos anos sesenta, e Get lucky, tema do grupo francés de pop electrónico Daft Punk. Pablo_Novoa_Latencia_0A idea era botar man das tecnoloxías máis avanzadas para facilitar por unha banda unha conexión de gran calidade e, pola outra, que dous músicos fosen quen de tocar xuntos alén dos atrancos que até o de agora poñían no camiño este tipo de tecnoloxías. Acompañando a experiencia atopábase, como relatores, Natalia Costas Lago, Técnica superior de Comunicacións do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e Javier Abreu, produtor musical e membro do equipo Canal Campus da Universidade de Santiago de Compostela. Abreu, durante o seu relatorio, espertou o interese de boa parte dos asistentes ás xornadas debullando a problemática das experiencias musicais en vivo desenvolvidas na Rede, problemática que ten que ver coa existencia dun factor chamado latencia, que en redes informáticas de datos refírese á suma de retardos temporais dentro dunha rede e, no caso que avaliou, entre os dous extremos dunha conexión. Natalia Costas, pola súa parte, explicou no devandito relatorio as diferentes metodoloxías e ferramentas dispoñíbeis para a realización deste tipo de performances en rede, amais das medidas que foron precisas adoptar para a adaptación da infraestrutura no Complexo Cultural San Francisco de Cáceres. Os músicos fai anos que fan uso das novas tecnoloxías da información e das comunicacións. Aprenderon a gozar dos novos sistemas de gravación rexistrando música de alta calidade nos seus ordenadores e mesmo recibindo pistas de audio en calquera parte do mundo, pero aínda quedan asuntos por resolver, como é o caso da formación, ensaios e actuacións facendo uso da rede, como se fixo neste caso. A ferramenta empregada para esta ocasión, LOLA (LOw LAtency) foi desenvolvida polo Conservatorio Giuseppe Tartini de Trieste ( www.conservatorio.trieste.it/) en consorcio con GARR (a rede italiana de investigación) e trátase dun software e de unha especificación hardware que se emprega para a transmisión de audio e vídeo de alta definición minimizando a latencia entre os dous extremos dunha conexión en liña. As condicións da rede, no que destaca como parámetro crítico a latencia e o jitter (variación da latencia) non permite tocar en tempo real cando as distancias son grandes. Con proxectos como o presente empezamos a achegarnos aos límites que permiten actuar xuntos a músicos xeograficamente separados e nos permite sacar conclusións moi positivas relativas a un novo campo pouco explorado. Por este motivo, o uso de LOLA debe facerse en redes de investigación, xa que son precisos elevados anchos de banda, latencias e jitter moi baixos, como as que pode ofrecer a RedIRIS, a rede de investigación e académica española, no eido nacional e GEANT no eido europeo. Para que a experiencia de Cáceres-Trieste fose posíbel, foi necesario unha intensa colaboración entre as diversas entidades involucradas a nivel de infraestrutura de rede: Deputación de Cáceres, Universidade de Estremadura, RedIRIS, GÉANT e GARR. Amais, revisouse que o trazado fose óptimo desde o punto de vista da latencia. Ferramentas como a empregada nesta experiencia teñen evidentes  aplicacións no ámbito cultural: dende educación e actuacións musicais ó seu uso noutras formas de expresión cultural (teatro, danza, etc.) e no futuro poderán xurdir outros usos en eidos completamente diferentes.

Una mostra da gravación da sesión que tivo lugar o pasado mércores 26 de novembro pode verse no seguinte vídeo:

Sobre CESGA: O Centro de Supercomputación de Galicia, é unha Infraestrutura Científico Tecnolóxica Singular do Estado participada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación e polo CSIC. CESGA xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, RECETGA-NOVA.